Monday 29 de April de 2024

O público poderá votar a súa tapa preferida no Concurso Picadillo, que empeza hoxe en 52 establecementos da cidade


O XVIII Concurso de Tapas Picadillo rematará o próximo día 13

As votacións realízanse nos propios locais e sortearanse premios entre as persoas que participen

A partir de hoxe 52 establecementos de hostalaría da cidade ofertan un total de 60 tapas preparadas artesanalmente, con produtos galegos de calidade.

Trátase do XVIII Concurso de Tapas Picadillo, que cada ano contribúe á posta en valor do gran potencial gastronómico da Coruña. Dende hoxe ata o próximo día 13 o público poderá degustar estas tapas elaboradas polos cociñeiros e cociñeiras dos establecementos participantes en exclusiva para a ocasión. Esta iniciativa, promovida polo Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, conta coa colaboración de Hostelería por el Clima, de Estrella Galicia e da Asociación de Celíacos.

Son 22 tapas creativas e 38 tapas ‘Receitario Picadillo’. A tapa ‘Receitario Picadillo’ é unha novidade desta edición, e cada proposta inspírase nalgunha das receitas salgadas características de Galicia recollidas na famosa obra “La Cocina Práctica”, de Picadillo (Manuel María Puga y Parga), famoso político (alcalde de A Coruña de 1915 a 1917) e experto en gastronomía que dá nome a este concurso.

Algunhas das 60 tapas propostas nesta edición participan tamén na categoría de ‘Maridaxe’, combinándose coa cerveza 1906 de Estrella Galicia. Son en total 23 tapas con maridaxe. Tamén se ofertan 22 tapas celíacas e 4 tapas veganas. O prezo de venda ao público das tapas está entre 1,50 euros e 3,50 euros. Ademais, os establecementos participantes distribúense en catro rutas con distintas propostas. Consultar información na web www.tapaspicadillo.es.

Votación popular e premios

O público que teña ocasión de degustar as propostas desta edición do Concurso Picadillo poderá votar a súa tapa preferida. As votacións realizaranse nos propios establecementos hostaleiros.

Desta votación popular sairán os gañadores do Premio Picadillo Cidade da Coruña á mellor tapa votada polo público e o Premio Picadillo Maridaxe á mellor tapa con maridaxe. Tamén haberá mencións especiais.

Unha vez finalizado o concurso sortearanse premios entre as persoas participantes nas votacións. Pode consultarse na web do concurso o proceso para o voto popular e tamén os premios por participar.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.